O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




miércoles, 9 de marzo de 2011

EXCURSIÓN AO CASTRO DE CASTRELO


14 de agosto de 2010
O castro de Centroña-Perbes ten para a asociación Ardóbriga un especial significado, xa que este xacemento foi en parte o causante de nos constituir como asociación. Do torques achado nos seus arredores tomamos a nosa imaxe de marca e de certa teoría toponímica que sitúa neste lugar a antiga cidade de Ardóbriga tomamos o noso nome.
Por todo isto, e por estar repartido entre os concellos de Pontedeume e Miño, ámbito de actuación da nosa asociación, temos especial interés en desenvolver o que vimos chamando Proxecto castro de Centroña-Perbes que inclúe varios aspectos, un deles é o dalo a coñecer, ensinalo á xente, xa que non se pode protexer o que se descoñece.
Así foi como organizamos, nun caloroso día de agosto, esta excursión que comezou coa concentración dos participantes ás 12:00 no Torreón dos Andrade en Pontedeume, xuntámonos 23 persoas. Iniciamos a marcha tomando o vello camiño que parte do barrio de Porto de Arriba e transcorre cáseque paralelo á estrada CP-4803, que vai de Miño a Pontedeume, pero a considerable altura pola aba Norte do monte de Breamo e que remata na aldea centroñesa de Castrelo. O percorrido por este camiño deparou non poucas sorpresas, xa que apenas era coñecido por un ou dous dos participantes na excursión e fomos moitos os abraiados polos fermosos recunchos e estreitas congostras polas que transcorre nalgúns tramos.
Cando chegamos ás inmediacións do castro decidimos continuar monte arriba para xantar máis cómodamente na área de recreo da capela de San Miguel de Breamo, e deixar a visita ao castro para a tarde.
Despóis da sobremesa, descendimos ata o castro. A contemplación dos potentes parapetos, as grandes dimensións da croa, a claridade estructural do antecastro oeste, a espectacular ubicación do poboado coa ampla visibilidade do Golfo Ártabro, os afloramentos de muros en diferentes lugares, causaron unha fonda impresión nos asistentes máis coñecedores do mundo castrexo. E todo malia non ser a mellor época do ano para facer a visita por mor da mesta vexetación que impediu a exploración do complexo estructural de foxos e parapetos do lado leste, causando certa frustración.
O retorno á vila fíxose pola mesma ruta da ida e a sensación xeral á chegada foi de satisfacción polo agradable do paseo e polo sorprendente do castro. Semella, á vista de todos, que quedan xustificados os esforzos de Ardóbriga pola conservación deste emblemático monumento
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario