O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 4 de mayo de 2015

CLAUSURADA A EXPOSICIÓN "150 ANOS DUNHA VILA MARIÑEIRA"

O pasado día 27 de abril clausurouse en Pontedeume a exposición que baixo o título 150 anos dunha vila mariñeira. Pontedeume 1865-2015 ocupaba dende o 17 do mesmo mes tres sás da Casa da Cultura da vila. A mostra pasou antes polas vilas de RianxoNarón e Ortigueira e de seguido irá a As Pontes.


Cumpre dicir que a exposición non pasou desapercibida na vila de Pontedeume. A asistencia de público entusiasta todos os días en que estivo aberta, así como os comentarios que se podían escoitar entre os asistentes, son a mellor testemuña da acollida  con que foi recibida a mostra. E non era para menos: a calidade das reproduccións fotográficas, os paneis informativos, as maquetas e os vídeos conformaron un todo cheo de referentes visuais tan cercanos ao sentir dos eumeses que en non poucas ocasións podíanse escoitar emocionados comentarios identificando momentos pasados de xuventude e infancia, lembrando a irmáns, pais e avós ou lugares que xa non existen.

Pero se a mostra non deixou a ninguén indiferente, o seu espléndido libro catálogo non deixou pegada menor. Unha edición de verdadeiro luxo cun formato e deseño impecables, magníficas reproducións fotográficas que superaron en número ás da mostra e unha coidada selección de artigos de divulgación, no que participaron como redactores-colaboradores ata cinco membros de Ardóbriga. Todo iso fixo que o día da inauguración andasen de man en man polas rúas dos viños de Pontedeume suscitando toda clase de comentarios. Os encargos á organizadora 8mares desbordaron ás escasas previsións dos patrocinadores (Deputación de A Coruña e Concello de Pontedeume) e vai ser necesaria unha nova edición para cubrir a demanda de eumeses da vila e da diáspora así como de curiosos doutras vilas mariñeiras cun pasado semellante.

Para Ardóbriga, como asociación que busca a protección do patrimonio local, a mostra serviu ademáis para por de manifesto as múltiples agresións sofridas na paisaxe urbana e rural da nosa comarca. Pódese ver o Pontedeume que foi e comparar co pouco que del queda a día de hoxe. Pódense ver casas e rúas cheas de vida, uns volumes arquitectónicos coherentes, o pazo dos Andrade, o Breamo sen eucaliptos. Certo é que tamén se pode ver a miseria e a desigualdade, pero, era necesario pagar coa destrucción da vila un progreso que ao final nunca dou chegado realmente?

En definitiva, os nosos máis sinceros parabéns para 8mares como entidade organizadora deste evento e un especial agradecemento a o artífice coordinador Xavier Brisset, investigador e divulgador cultural como poucos, polo seu traballo e aportación animadora da precaria vida cultural eumesa e a quen animamos a repetir con outras iniciativas semellantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario