Esta fin de semana celebrouse na vila de Betanzos as I XORNADAS SOBRE PATRIMONIO organizadas polos compañeiros da asociación libre de Paderne Roxín Roxal, o patrocinio da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e coa coorinación de Sabela Pérez. A finalidade destas Xornadas eran debater, entre as distintas asociación convidadas, sobre a situación do patrimonio cultural e natural, en definitiva patrimonio paisaxístico, do amplo territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, recentemente declaradas Reserva da Biosfera. A nosa Ardóbriga, de Pontedeume e Miño, tivo a honra de ser convidada a este evento entre outras asociacións que traballan de xeito altruísta pola conservación dun patrimonio que é de todos.
Abriu a quenda de intervencións o arqueólogo Antón Malde cunha disertación titulada Sociedade, Territorio, Patrimonio na que quedaron plantexada as principais cuestións que logo irían desenvolvendo os seguintes interviñentes dende diferentes puntos de vista. A responsabilidade institucional das diferentes administración, a necesidade de deseñar programas de divulgación, de utilizar os medios e as redes sociais, o establecemento de relacións cos centros educativos, a procura de apoio técnico solvente e a formación de equipas de voluntarios foron algunhas das cuestións desenvolvidas polo arqueólogo. Foi moita a satisfacción entre os membros de Ardóbriga ao escoitar as palabras de Malde, xa que sinalaban un camiño moi semellante ao que vimos traballando dende a nosa fundación.
Sabela Pérez e Antón Malde |
Seguidamente falou Xurxo Couto en nome da asociación Monte da Estrela que narrou os traballos do colectivo do que é vicepresidente na recuperación da capela da Estrela no cumio do monte que dá nome ao grupo, así como a recuperación do camiño que conduce a ela e dunha romaría esquecida despois de 50 anos.
Xurxo Couto. Asociación Monte da Estrela |
A continuación interveu o representante da asociación Ardóbriga, que neste caso foi a cargo do seu presidente Antón Prego. A intervención consistiu nunha descrición breve dos noso obxectivos e os programas que desenvolvemos a partir dunha pequena escolla de desfeitas contra o patrimonio das moitas que podemos observar dentro do nos territorio de acción. Seguidamente falamos da intervención arqueolóxica no coto de A Ínsua en Boebre (Pontedeume), das circunstancias que nos levaron a facela, de cómo se desenvolveu e das conclusións que tiramos como asociación despois desta experiencia. Finalmente, e con non pouca presa, expuxemos unhas declaracións a propósito da declaración de reserva da Biosfera.
Antón Prego. Asociación Ardóbriga. |
Para rematar a quenda da mañá, Fernando Bandín, membro do Padroado da fundación Fragas do Mandeo que falou das actividades que están a levar a cabo de Custodia do Territorio, do traballo voluntario e do plan de xestión de montes cedidos por particularesnos nos que traballan para eliminar especies invasoras, sobradamente a eucaliptización, verdadeira lacra de grande parte do territorio galego. Tras a limpeza do monte plantan castiñeiro de froito micorrizado coa intención de desenvolver en poucos anos unha fraga nova que dea acubillo as especies animais e vexetais autóctonas.
Fernando Bandín. Fundación Fragas do Mandeo. |
Pola tarde abriu a quenda de interviñentes Alberto López en nome do Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos, que fixo un relato dos moitos xacementos arqueolóxicos que foron atopando dende a súa fundación en 1991, sobradamente conxuntos tumulares e estacións de gravados rupestres nos concellos de Cabanas, Monfero e Irixoa, facendo unha importantísima aportación ás catalogacións patrimoniais e publicando os seu achados de extraordinario valor en diferentes traballos divulgativos. Ademáis, plantexou os problemas de conservación que presentan estes bens sempre vulnerables a moitas agresións como as derivadas de actividades forestais.
Alberto López. Grupo Arqueolóxico Terra de Trasancos. |
De seguido Iván Franco e Jordi Tato relataron a Experiencia de arqueoloxía pública en Carnota, especial interese tiveron as intervencións no xacemento de Torre dos Mouros e no Castro de Mallou con importante implicación social no desnvolvemento dos traballos, que foron dirixidos polo arqueólogo Antón Malde. Iván Franco, concelleiro de cultura do concello de Carnota, foi o único representante institucional que participou nas Xornadas e foi quen de aportar unha valiosa perspectiva alternativa fronte ás actitudes curtopracistas ou abertamente hostís das meirande parte das autoridades municipais ante a xestión do patrimonio arqueolóxico. A xestión de Franco pasa polo rexeitamento da construción de museos tradicionais e propón a creación de museos abertos e rutas definidas entre os diferentes enclaves a través dunha senda verde que valore o patrimonio cultural, programacións de divulgación e implicación cidadá en torno aos xacementos nas que destacan as barferencias ou charlas divulgativas nas tabernas das aldeas, de grande aceptación.
Jordi Tato e Iván Franco de Carnota. |
Coa mesa redonda remataron as xornadas |
A mesa redonda tratou diferentes temas dos que podemos destacar a necesidade de colaborar todos nun cambio de paradigma nas relacións sociais e institucionais co patrimonio, na busca de nichos de mercado e na diversificación da oferta de produtos culturais que reforcen unha concepción do patrimonio como activo económico. En definitiva, procurar valores económicos que xustifiquen os apoios necesarios das administracións para a protección do patrimonio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario