O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 20 de mayo de 2013

PROXECTO TOPONIMIA DE BOEBRE

Nestes días estamos a desenvolver os traballos de campo correspondentes ao Proxecto Toponimia de Pontedeume, iniciados o pasado día 15 de abril e que pensamos concluir próximamente. Os traballos están dirixidos polo arqueólogo D. José López Alonso e neste momento consisten na prospección da zona obxecto da investigación para identificar na cartografía os microtopónimos recollidos de catastros antiguos como o de Ensenada e de diferentes libros parroquiais.


Este Proxecto, que ocupa á nosa asociación dende o momento mesmo da súa fundación, pretende recompilar e ubicar no territorio toda a microtoponimia dos concellos de Pontedeume e de Miño co fin de evitar unha segura perda do patrimonio inmaterial debida, entre outros factores ao radical cambio do uso da terra nos últimos anos. Trátase dun proxecto moi ambizoso a desenvolver a medio e longo prazo, xa que os traballos de campo son en ocasións complexos. Desta vez contamos coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña, a través das súas axudas económicas anuais de promoción cultural para rematar os traballos correspondentes á localización da microtoponimia da parroquia de Santiago de Boebre do concello de Pontedeume.

No hay comentarios:

Publicar un comentario