O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




jueves, 16 de mayo de 2013

ACTIVIDADES DE DIVULGACIÓN NO IES "BREAMO"

Este ano repetimos a experiencia do pasado ano consistente en realizar unhas actividades de divulgación cos alumnos de 1º de bacharelato do Instituto de Ensinaza Secundaria Breamo de Pontedeume, dentro da materia de Antropoloxía que imparte o profesor Víctor Mateo.
Secuenciamos a actividades en dous días. O luns 6 de maio adicamos a sesión lectiva da materia a amosar aos rapaces algúns restos de tégula, latericio, cerámica, doas e algún resto metálico dos atopados na intervención arqueolóxica de A Ínsua de setembro de 2011. Seguidamente proxectamos unha presentación especialmente deseñada para eles na que procuramos dar a coñecer de maneira didáctica os bens do Patrimonio Arqueolóxico do litoral de pontedeume e Miño, afondando na importancia de conservalo e de mantelo e dando conta da lexislación existente de protección do Patrimonio.
O segundo día foi o luns 13 de maio, e a actividade consistiu nunha excursión guiada con saída de Pontedeume ás 9:30 en autobús cara ao cumio do monte de Breamo que, transcorridos cinco días da romaría de San Miguel, atopámola ateigada de lixo, nun estado absolutamente impresentable que amosaba ás claras a desidia e desinterese que polo Patrimonio teñen os responsabeis obrigados a protexelo.
Diante da ermida de San Miguel comentamos as características do lugar como santuario precristián, as implicacións antropolóxicas en relación á manifestación do sagrado alí e as consecuencias sociolóxicas que a día de hoxe pódense ler no folclore que arrodea as festas e as lendas de Breamo.
Seguidamente iniciamos a baixada a pé cara ao castro de Castrelo, entre as parroquias de Centroña (Pontedeume) e Perbes (Miño), onde os rapaces poideron coñecer un dos bens patrimoniais de tipo arqueolóxico máis sobranceiros de todo o territorio ártabro, malia estar inzado de maleza e eucalipto. A estruturas defensivas do castro e a súa ubicación deixaron impresionados, sen dubida, aos rapaces e as rapazas .
Despois continuamos a baixada do monte por Sambollo e Boebre ata chegar á punta Carboeira, ao castro de A Ínsua, onde rematamos o percorrido cun rápido relato das circunstancias que nos levaron a iniciar a intervención arqueolóxica naquel xacemento e das cousas que atopamos e recuperamos para disfrute de todos os eumeses. O autobús esperábanos a carón do local social de Boebre para levarnos de volta ao Instituto de Pontedeume.

No hay comentarios:

Publicar un comentario