O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




lunes, 11 de febrero de 2013

ACHADO DOUTRA LÁPIDA EN PONTEDEUME

Foi no mes de decembro, pero non o quixemos publicar antes de que viñesen a vela os inspectores de Patrimonio. O concelleiro de obras avisounos do achado feito por un grupo de persoas que realizaban traballos de limpeza nunha finca propiedade do concello de Pontedeume situada na parroquia de Centroña e coñecida polo nome de O Matadeiro, xa que alí edificouse nos anos 70 un edificio destinado a matadoiro municipal e que nunca chegou a desempeñar tal cometido. 
A finca atopábase en estado de total abandono, con moita maleza e non pouco lixo. O edificio, nunca totalmente rematado, non chega á ruína pero pouco lle falta. Ademais, é moi probable que sexa ilegal xa que está dentro dos terreos de protección de costas.
Pero o que nos interesa agora é falar do achado que fixeron as persoas que foron limpar as instalacións. No interior do edificio, e sen amosar sinais que delataran a súa procedencia, atoparon unha peza rectangular de granito de gran fino de aproximadamente 150x50 cm. cunha cara traballada con maestría co que sen dubida é unha inscrición funeraria. A lápida ten gravado un texto no seu canto con letras de tipo latino en baixo relevo, pero está tan deteriorado que resultou moi dificil de descifrar nunha primeira vista.


Pero o máis interesante é o escudo da parte frontal que contén, na súa parte superior, unha cartela coa palabra latina MEMENTO e na inferior unha calaveira en tres cuartos con dous fémures fragmentados cruzados por detrás.



Os técnicos de Patrimonio que viñeron recoñecer o achado situaron cronolóxicamente esta lápida na Idade Media, pero expertos de Ardóbriga en Historia e en Arte opinamos que pola forma en pel de touro ou de casulla do escudo, a disposición en tres cuartos do cranio, a precisión anatómica dos fémures e o tema do epígrafe, non pode ser anterior ao século XVI.
A lápida atópase agora depositada no xardín da Casa da Cultura de Pontedeume, xunto coas encontradas na Ínsua e trasladadas no 2011 por Ardóbriga e a incluiremos no estudo e calco que estamos a facer de todas elas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario