O día 24 de outubro de 2008 nace en Pontedeume a asociacion Ardóbriga como resultado das inquedanzas dun grupo de persoas conscentes do risco de desaparición dun patrimonio cultural que nos foi legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e disfrute das vindeiras.



Os membros de Ardóbriga vivimos, traballamos e sentimos no territorio que hóxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación topolóxica dende tempos remotos, manifesta no antigo arciprestádego de Pruzos, no espectacular xacemento do castro de Castrelo polo medio do cal atravesa a divisoria entre ámbolos dous concellos e onde se xuntan catro límites parroquiais, ou no extenso eido de influencia do santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.



Un paseo polo casco vello de Pontedeume pode facer caer na depresión ao espírito máis insensible, o abandono e a ruina están matando un patrimonio histórico e arquitectónico que nos pertence a todos. Unha visita aos nosos xacementos arqueolóxicos, que os hai, deixa ver vertedeiros clandestinos e pistas de motocrós ilegais. Unha ollada ao nomenclator oficial do concello estarrecerá a calquera que coñeza os nomes de lugar do seu contorno.



Ante esta situación decidimos organizarmonos como asociación legalmente constituída, sendo os nosos obxectivos a protección do patrimonio cultural en xeral, a salvagarda dos xacementos arqueolóxicos e a conservación do patrimonio toponímico.



Ardóbriga nace coa vocación de formar unha masa social de orixe diversa pero con un interés común pola protección, o estudio e a valoración dun patrimonio que por local non é menos da humanidade, que é de todos nós, dos de acó e dos de acolá, dos nosos antepasados e dos nosos fillos, e mesmo dos que non se interesan por el.




viernes, 1 de febrero de 2013

17-01-13 CHARLA NA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE PONTEDEUME


O pasado 17 de xaneiro tivemos a honra de ser invitados a dar unha charla no coqueto local dos sótanos do convento de Santo Agostiño da Asociación de Amas de Casa de Pontedeume, sociedade pioneira dentro do asociacionismo eumés. A charla foi sobre O Patrimonio Arqueolóxico no litoral eumés e foi seguido con moita atención e interese por un auditorio case cheo, malia facer unha tarde de intensa choiva. 



No transcorrer da charla foron xurdindo intervencións espontáneas nas que aboiaba ese saber popular que atesouran os nosos (non tan) maiores. Así, comentáronse tradicións como a que dí que os naturais da aldea de Castrelo son coñecidos como Os do Reiniño de Dios ou novas informacións sobre microtoponimia da parroquia de Andrade. Pero o mellor foi o agasallo en forma de lote de doces típicos eumeses que nos fixeron aos dous representantes de Ardóbriga que fomos dar a charla. Moitas grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario